Ambas fundacións de defensa animal indican nun comunicado que o Goberno galego subvencionou campionatos de caza do raposo nos anos 2016 e 2017.

Tanto Libera como Franz Weber  recordan que a modalidade de caza do raposo con cans que tivo lugar este sábado nos municipios pontevedres de Forcarei, A Estrada, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro sí contou con xenerosas subvencións públicas, desmentindo así as informacións vertidas por fontes oficiais.

Segundo denuncian, e á espera de coñecer os termos do convenio de colaboración que a Secretaría Xeral para o Deporte e a Federación Galega de Caza firmarán nos próximos meses para este exercicio, os datos evidencian que só no concepto de “campionatos”, o Executivo de Alberto Núñez Feijóo destinou máis de 13.000 euros en dous anos, sinalando como “proxecto de especial relevancia” a chamada “Supercopa Galega de Caza do Raposo” do ano 2016, actividade celebrada durante unha única mañá que obtivo unha subvención de 1.000 euros.

Deste xeito, nos anos 2016 e 2017, a Federación Galega de Caza embolsouse un total de 55.037 euros do departamento autonómico de deportes, aos que hai que sumar outros 50.000 da Consellería de Medio Ambiente en sendos convenios de colaboración no mesmo período de tempo, e todo para fomentar a caza “incluso entre as persoas menores de idade” -indican no comunicado”.

CRÍTICAS AO EXECUTIVO GALEGO

Libera e Franz Weber critican así a actitude do Executivo galego cunha práctica “rexeitada pola inmensa maioría da cidadanía” e onde a federación “premiada” con subvencións “representa ao 0,7% da poboación da comunidade”, e “dende onde se chegou a atacar a formacións políticas con representación parlamentaria” por rexeitar que a idade efectiva para cazar pase dos 14 aos 16 anos.

Neste sentido, as fundacións animalistas avanzan que xa traballan nunha proposta lexislativa que permita suprimir o concepto de “caza” como actividade ou modalidade deportiva, “coa que se estarían a beneficiar ata agora de estes pactos económicos que se nutren dos impostos do conxunto da cidadanía”, que é, maioritariamente, “non cazadora”.

Tanto Libera como Franz Weber non consideran que “sair ao monte a tirotear animais poida ser considerado unha práctica deportiva” e entenden “que un gran número de deportistas de alto nivel recoñecidos internacionalmente comparte esta postura”, razón pola cal levarán ao Parlamento de Galicia as súas demandas.