Representantes do colectivo visitaron o xoves a sede municipal para conseguir o respaldo á manifestación celebrada este domingo en Compostela.

O alcalde, Evencio Ferrero, recibiu aos voceiros da plataforma acompañado por Milagros Landes e Marcos Trigo, amosando a súa preocupación pola situación da sanidade a nivel galego e local.

Manel Méndez, Demetrio Vázquez e Juan Evaristo Rodríguez, representantes de tres dos colectivos integrados na plataforma, consideran que coa reforma da lei de saúde de Galicia o goberno autonómico pretende “facilitar que a sanidade se converta nun negocio”, e que o proceso de deterioro do servizo público que se está a producir ten como finalidade “potenciar o privado”.

Manifestación
Manifestación de hoxe nas rúas de Santiago en defensa da Sanidade Pública

A plataforma SOS Sanidade Pública quere transmitir que “non nos atopamos ante un problema dos profesionais da sanidade”, senón que é “un problema da cidadanía”, e que o obxectivo das mobilizacións que se están levando a cabo é “ter un servizo de saúde propio e con garantías de universalidade”. Fronte a esta demanda, expoñen que a Xunta non fai política sanitaria, “senón que só fan anuncios para desmobilizar, pero a partir do día 4 non se fará nada”.