A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, salientou este venres nunha rolda de prensa que o vindeiro 26 de febreiro entrará en servizo a 2ª fase do Plan de accesibilidade do transporte interurbano na cidade, co que os autobuses dos corredores de Arteixo e Carballo xa entrarán no centro urbano con paradas na Praza de Pontevedra e Entrexardíns.

Vázquez Mourelle indicou que na última semana deste mes de febreiro se porán en marcha novos servizos e horarios no transporte metropolitano da Coruña, para o que, a mediados de mes, iniciarase unha campaña informativa de xeito que os miles de usuarios e os veciños dos concellos beneficiados teñan toda a información.

Na pasada reunión da comisión de seguimento co Concello a Xunta propuxo iniciar o procedemento que permitirá chegar ao centro 17 liñas interurbanas máis provenientes de Arteixo, Culleredo, Laracha, Carballo, Oleiros, Cambre, Curtis, Abegondo e Oza-Cesuras. Este importante paso beneficiará a unhas liñas que acumulan preto de 900.000 viaxes ao ano.

A Xunta xa ten solicitado ao Concello unha nova reunión da Comisión de Seguimento para abordar esta proposta que se agarda poder celebrar en datas próximas. Neste sentido, o beneficio social destas medidas e o nulo impacto sobre o tráfico urbano serán favorables á súa posta en marcha.

200.000 VIAXEIROS BENEFICIADOS

A responsable de Infraestruturas destacou que nas liñas melloradas, un de cada tres desprazamentos que entran ou saen da Coruña usaron as novas paradas do centro urbano, unha porcentaxe que aínda sería superior en fin de semana. Concretou que nestes primeiros tres meses de funcionamento do plan, as novas paradas rexistraron 200.000 subidas e baixadas de usuarios.

Cómpre lembrar que o pasado 6 de novembro se puxo en marcha a 1ª fase do Plan que permitiu o acceso dos autobuses metropolitanos ao centro da Coruña co fin de promover unha maior eficiencia no transporte público, reducir os tempos de viaxe, eliminar transbordos na medida do posible e lograr unha maior accesibilidade do interurbano no centro da cidade.

O obxectivo último é facilitar os desprazamentos aos usuarios grazas a un maior número de liñas que poidan ter acceso todos os días e durante todo o día, ao centro urbano da Coruña.