O pasado día 30, Monseñor Julián Barrio reuniuse cunha delegación da veciñanza afectada, quen apelou á súa caridade cristiá para que removera as trabas eclesiásticas, facilitando os trámites precisos para axilizar o regreso do sacerdote ás súas parroquias nos municipios de Cabana e Coristanco.

Segundo os veciños, Barrio amosou a súa boa dispoñibilidade e colaboración para o pronto retorno do relixioso, e informou de que xa realizara todos os trámites precisos, incluídas dúas cartas e o preceptivo informe favorable ao respecto.

Leonel Primitivo Guauque Díaz, que fora nomeado sacerdote da parroquia cabanesa de Corcoesto polo propio Monseñor Julián Barrio o pasado 30 de setembro de 2016, tal e como consta no Boletín Oficial do Arcebispado (BOA) de Santiago de Compostela, foi apartado do cargo cando se atopaba ausente de España, mentres disfrutaban dun período vacacional autorizado en Colombia, o seu país de orixe.

Se ven o argumento esgrimido pola curia compostelá é que o sacerdote debera tramitar os papeis precisos para solicitar a súa incardinación eclesiástica, a realidade é que este xa contaba con un nomeamento formal, ao igual que outros eclesiásticos nomeados na mesma data, coma o párroco de Santa María da Peregrina de Santiago de Compostela, o párroco de Baio, no municipio de Zas ou o de Santa Baia de Curtis (Teixeiro), entre outros.