A formación política lamenta que Beatriz Mato, Conselleira de Medio Ambiente, manteña reunións “constantes e ben publicitadas” con organizacións que promoven a caza.

Marea Atlántica apoia as reinvindicacións da cidadanía fronte aos campionatos de caza do raposo, que consideran “unha auténtica crueldade” cometida “coa connivencia e subsidios do Goberno galego”, que cada ano “asina convenios para fomentar a caza entre a mocidade ou simplemente como método de financiamento complementario da Federación Galega de Caza”, que como “grupo de presión” e aínda formando parte dunha minoría social, “é capaz de mobilizar á Administración para que avale pseudocompeticións que consisten na masacre da fauna silvestre”.

Dende Marea Atlántica denuncian asi mesmo que dende a propia federación o método seguido para estimar a abundancia de raposos son as propias batidas de caza, o que carece de validez dende calquera punto de vista ao non seguir ningún tipo de criterio científico.

Doutra banda, “a caza sistemática e intensiva do raposo -indican- tamén ten un compoñente ambiental nocivo” que é o emprego de munición de chumbo que atenta contra a Convención sobre a conservación das especies migratorias de animais silvestres, tema ademátis sobre o que a Xunta de Galicia non tomou ningunha medida “nin lexislativa nin tan sequera informativa”.

Finalmente, dende Marea Atlántica rexeitan a continuidade deste tipo de competicións “que tratan de disfrazar como deporte unha práctica de maltrato e morte dos animais, tamén dos cans explotados nestas batidas, e sobre os que os propios cazadores trataron de limitar medidas de protección no trámite parlamentario da nova Lei de Benestar Animal de Galicia”, pois chegaron a pedir mantelos ao marxe do eido de protección da norma “como si estes animais foran pedras”.