Despois do proceso de constitución e formación que se desenvolvera meses atrás, hai agora un ano botaron a andar os Consellos Parroquiais coas primeiras xuntanzas abertas a toda a cidadanía. Fontes municipais fan unha valoración “moi positiva” da posta en marcha deste novidoso sistema de participación veciñal, que permitiu detectar as principais necesidades e demandas da poboación das 17 parroquias rurais e articular as medidas para darlles solución.

Aínda que cada parroquia ten as súas particularidades, os Consellos Parroquiais permitiron detectar inquedanzas comúns, sobre todo en materia de infraestruturas. A principal demanda foi a mellora da rede viaria.

Este ano, con cargo aos orzamentos, acometeranse outras moitas propostas emanadas dos Consellos Parroquiais, como a reposición de puntos de luz, a eliminación do tendido eléctrico na contorna da igrexa de Rus, a mellora do espazo do lavadoiro de Entrecruces, o acondicionamento do centro social de Lema ou a construción dun novo centro social en Bértoa, entre outras.

As persoas interesadas teñen á súa disposición o enderezo electrónico consellosparroquiaiscarballo@gmail.com para calquera tipo de información.