Un conxunto de dez asociacións do noroeste coruñés únense para manifestar “o seu rexeitamento categórico” á celebración da proba o  próximo 3 de febreiro nos concellos de Cercedo-Cotobade, Campo Lameiro, Forcarei e A Estrada.

Os grupos piden a paralización urxente desta proba de caza “pola vulneración flagrante e manifesta da Lei de caza vixente e do artigo 45 da Constitución española”. De feito, este luns algúns destes colectivos teñen previsto enviar o seu posicionamento á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e á Valedora do Pobo ao considerar “que non existe ningún interés público na organización destas batidas e campionatos que cada vez contan con máis repulsa e rexeitamento social“.

Dende as organizacións consideran que este tipo de probas “non teñen ningún obxectivo de xestión da especie e resultan ilegais, xa que vulneran a Lei 13/2013, de caza de Galicia” ao incumprir os principios xerais da actividade cinexética tal e como están previstos na propia lei, que indica que o obxectivo é o de “protexer, conservar, fomentar, e aproveitar ordenadamente os recursos cinexéticos de modo compatible co equilibrio natural”.

De feito, valoran que o desenvolvimento desta actividade “non é legal nin ético nin racional” e supón unha práctica “cruel, irracional e depredadora” que tan só consiste “en matar o maior número de raposos no menor tempo posible”.

A competición do próximo 3 de febreiro, ademáis, será a terceira que se realice na provincia en menos dun mes, despois do campionato galego do pasado 20 de xaneiro en Dozón e do campionato provincial celebrado en Barro o 13 de xaneiro.