Os traballos, orzamentados por importe de 951.847 euros, contribuirán a mellorar a seguridade da circulación. A empresa COPCISA foi a adxudicataria destes traballos, que terán un prazo de execución de nove meses.

Destaca especialmente o proxecto que se levará a cabo na DP 9301, nunha zona próxima ao núcleo de Baio (Zas) que discorre entre os puntos quilométricos 0 e 1+320 e que suporá un investimento de 551.302,75 euros.

Trátase dun vial provincial que conecta dúas estradas importantes a nivel comarcal, o vial A Coruña-Fisterra e a estrada Baio- Ponteceso, e que logo das obras quedará configurado como unha travesía con carrís de circulación de 3 metros de ancho e beirarrúas de 2 metros, tamén na marxe dereita da calzada, onde agora non existen (tramo de Baio Pequeno, entre os PK 0+750 e PK 1+000). Estas beirarrúas axudarán a mellorar a seguridade nun tramo cun importante tráfico peonil, que na actualidade carece de beiravía, o que representa un perigo de accidentes ou atropelos. Os traballos inclúen a dotación dunha nova rede de pluviais e dunha nova capa de rodaxe para a calzada.

Nesta zona sitúase tamén un centro escolar e unha igrexa, e desenvólvense importantes actividades como a feira do automóbil Feirauto, polo que as obras contribuirán a mellorar a seguridade viaria nun punto clave do municipio.

SENDAS PEONÍS NAS ESTRADAS DE CAMPARA A CORME E CORME-RONCUDO

A institución provincial adxudicou tamén á empresa Sondeos Porzuna as obras de construción de dúas novas sendas peonís nas estradas DP 6801 da Campara a Corme por Brantuas e DP 6804 de Corme ao Roncudo, por importe de 158.315 euros.

No caso da estrada DP -6801, a nova senda discorrerá pola marxe esquerda da calzada, terá dous metros de ancho e situarase entre os puntos quilométricos 0+00 e 0+210. Na DP- 6804, a senda, de 2,5 metros de ancho, discorrerá por ambas marxes do vial entre os PK 0+000 e 0+370.

Ambas as dúas contarán con sistema de recollida de pluviais e nova sinalización vertical e horizontal. O prazo de execución dos traballos é de 5 meses.

MELLORA DO FIRME DA ESTRADA HOSPITAL A BRENS

A área provincial de Vías e Obras adxudicou tamén por 214.230 euros as obras de mellora do firme da estrada DP 2302 de Hospital a Brens, en tramos correspondentes aos termos municipais de Dumbría e Cee.

En concreto, estenderase unha capa de mistura bituminosa en quente en toda a superficie da calzada entre os puntos quilométricos 0+00 ao 2+100 e do 5+150 ao 8+800, co obxecto de mellorar as adherencia dos vehículos e a seguridade na circulación.

As obras inclúen a limpeza previa das marxes e beiravías e o posterior pintado e sinalización do vial.