Terras do Anllóns

Diario dixital en galego. A información que interesa

Actualidade

A cidadanía poderá participar na elaboración do Plan Especial de Protección, Infraestruturas e Dotacións de Razo

Vista aérea da localidade de Razo / Google Earth

Segundo informa o Concello de Carballo, o equipo redactor está a recoller as achegas da veciñanza a través dun cuestionario público creado para tal fin a través do enderezo https://pe-razo-arnados.blogspot.com.es.

Na enquisa pídense valoracións sobre todos os servizos existentes en Razo, a conservación medioambiental, o tráfico ou o surf, así como achegas sobre as necesidades e propostas de futuro que partan da propia cidadanía. Toda a información recompilada terase en conta, dentro das posibilidades legais, á hora de elaborar o documento inicial.

O Plan Especial de Protección, Infraestruturas e Dotacións de Razo afecta en exclusiva a solos rústicos, nos que, como explican os técnicos, existen “moitas afeccións” polas distintas normativas estatais, autonómicas e municipais vixentes. De feito, as características especiais do ámbito van ser decisivas á hora de planificar o seu desenvolvemento, que en todo caso limitarase a infraestruturas e dotacións como os accesos á praia, espazos libres, aparcamentos, equipamentos deportivos ou turísticos, de iniciativa pública ou privada, como un cámping ou unha área de caravanas. Decidir que facer e onde, dentro da zona delimitada, é o obxectivo final do plan especial.

No blog creado para o proxecto tamén se pode facer un seguimento resumido das xestións que vai facendo o equipo redactor. Así, por exemplo, no tempo que levan traballando, os técnicos xa se reuniron con organismos e institucións implicadas no desenvolvemento do plan, como a Demarcación de Costas do Estado, o departamento de vías e obras da Deputación da Coruña, as direccións xerais de Patrimonio Natural, Urbanismo e Conservación da Natureza da Xunta, así como a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) ou Costas da Xunta.

Tamén se ofrece información sobre aspectos concretos, como a situación do campo de fútbol, que foi un dos equipamentos dos que máis se falou por parte da veciñanza na reunión de decembro. Así mesmo, no blog informativo pode consultarse cal é, paso a paso, o proceso de tramitación do plan especial.