A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dando cumprimento ao mandato do Parlamento de Galicia, está a preparar un amplo programa de máis de 300 actividades co que se conmemorará o Ano Europeo do Patrimonio Cultural.

Baixo o lema “Somos patrimonio”, a programación dedicará cada un dos meses do 2018 a un aspecto concreto do patrimonio. Deste xeito, xaneiro céntrase no patrimonio documental e bibliográfico, febreiro na Ribeira Sacra, marzo no patrimonio catedralicio e monástico, abril na candidatura a Patrimonio da Humanidade das Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas, maio na arqueoloxía e xuño nos Camiños de Santiago. Xullo será o mes da cultura popular, agosto o do patrimonio artístico, setembro dedicarase a afondar na relación entre patrimonio e xuventude e outubro a explorar a fusión entre patrimonio cultural e dixital, centrándose no patrimonio dixital. Así mesmo, e coincidindo co Mes da Ciencia en Galego, novembro será o mes do patrimonio científico e tecnolóxico; mentres que decembro estará dedicado ao patrimonio na escola, afondado na importancia de difundir o valor do legado dos nosos ancestros entre os máis novos.

VARIADA PROGRAMACIÓN

Ao longo de todo o ano organizaranse actos divulgativos, xornadas de portas abertas nos museos e arquivos, obradoiros, exposicións e seminarios; que se combinarán con citas xa consolidadas no calendario cultural galego como son os ciclos Monumenta e Espazos Sonoros. Así mesmo, está previsto desenvolve a mediados de ano un gran Encontro da Cultura popular galega no complexo do Gaiás, e achegar á cidadanía a proxecto como Galiciana –Biblioteca Dixital de Galicia- ou GEOARPAD –para o mapeo arqueolóxico, arquitectónico e etnográfico da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal-.

No ámbito educativo, entregarase material didáctico nas escolas, desenvolverase formación para o profesorado a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e programaranse actividades nas materias de libre configuración vencelladas co patrimonio. Asemade, organizaranse actividades para a difusión do patrimonio científico e tecnolóxico en colaboración coas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

En calquera caso, trátase dunha programación de actividades que se irá enriquecendo co fin de acadar ao máximo os seus obxectivos, tanto no referido ao propio patrimonio galego como á sensibilización sobre a historia e valores comúns europeos.