O Concello financia con fondos municipais o proxecto, que ten por obxecto dotar de subministración aos núcleos de Fragoso e Groba.

As obras, que están  en fase de execución, consisten na instalación da nova tubaxe ao longo dunha distancia lineal de 894 metros para posibilitar que todas as vivendas desa zona rural, nas que residen corenta persoas, teñan a opción de conectarse á rede xeral do subministro de auga. Neste proxecto o Concello da Laracha investirá máis de 25.000 euros.

A ampliación das redes de abastecemento de auga e, por tanto, o aumento na cobertura do servizo nas parroquias, son actuacións que se desenvolven con certa frecuencia no Concello da Laracha por ser considerados polo goberno municipal investimentos prioritarios. O obxectivo é mellorar a calidade de vida dos veciños residentes na zona rural, na que existen máis de trescentos núcleos de poboación.