O Concello da Laracha xa deu traslado aos servizos municipais de limpeza para actuar nas zonas afectadas e recuperar o antes posible a normalidade.

A zona de Caión máis exposta á forza do mar foi o porto, onde o acceso foi cortado durante o 17 de xaneiro por cuestións de seguridade. As ondas superaron a altura do espigón e tamén alcanzaron o novo ámbito do peirao, incluíndo unha das pasarelas peonís. Os danos de maior entidade rexistráronse nos espazos axardinados, que deberán ser renovados por completo. Tamén será reparado un tramo da barandilla de protección e o mobiliario urbano afectado.

Na zona dos areais o único desperfecto importante sufriuno a escaleira de madeira que dá acceso á praia das Salseiras desde o paseo marítimo. A estrutura resistiu a forza do temporal, pero perdeu varias táboas preto da súa base, posiblemente debido ao impacto dunha pedra arrastrada polo mar.

No acceso principal á praia as ondas chegaron a alcanzar o aparcamento, pero non provocaron danos importantes nin nas barandillas nin tampouco nos aseos públicos situados nese lugar, xa que as súas portas foran seladas precisamente en previsión de posibles circunstancias destas características.