A Asociación Aldea Viva denuncia que na Comisión de Goberno celebrada o 19 de xaneiro do 2000, o consistorio deulle luz verde mediante un trámite de excepción á construción dunha residencia da terceira idade en solo rústico na área de Fonte Díaz “pola dinámica económica que o mesmo xeraría” e tendo en conta “que o uso que se pretende dar ás instalacións é compatible coas características da contorna”, cando en realidade se trataba de antigos terreos mineiros contaminados pola actividade extractiva.

Contaminación mineira 1
Zona contaminada nas inmediacións da área dotacional pública / Aldea Viva

Logo da edificación do inmoble, ademais, acabouse instalando na zona un sistema dotacional público incluíndo un punto de atención á infancia, un parque biosaludable para adultos, un conxunto de pistas polideportivas e unha piscina, a Casa da Cultura, a oficina de Protección Civil, un Taller de Emprego, unha área de autocaravanas e mesmo o Centro de Interpretación do Río Ulla.

Ortofoto
Ortofoto do sistema dotacional público en Fonte Díaz (Touro) / Aldea Viva

Con todo, e tal como puido verificar sobre o terreo a asociación Aldea Viva no concello coruñés de Touro, as augas da zona inmediata á área dotacional teñen elevados niveis de contaminación presentando características hiperácidas e hiperoxidantes e niveis de pH que están por debaixo de 3.5, o que está a permitir a mobilización á contorna de metais pesados e outros elementos indesexados que supoñen un factor de risco para a saúde pública.

Desde fai máis de dez anos, Aldea Viva vén denunciando os perniciosos efectos derivados da actividade mineira a ceo aberto na mina de cobre de Touro, na que logo da obtención do mineral abandoáronse á intemperie e sen restauración algunha unha serie de curtas e entulleiras de materiais facilmente meteorizables a nivel ambiental, e onde as escorrentías remataron por contaminar solos e diversos cursos fluviais da conca do Ulla como o Pucheiras, o Ameneiro Lamas ou o Portapego.

Contaminación
Contaminación resultante dos antigos labores mineiros / Aldea Viva

Para o colectivo, “esta situación é de todo incompatible coa Directiva Europea 2006/21/CE“, ao esixir esta “que as autoridades garantan que as empresas explotadoras tomen tantas medidas como sexan necesarias para previr a contaminación de augas e solos, avaliando e previndo a xeración de lixiviados e recollendo e tratando as augas contaminadas”, algo que en absoluto sucedeu no caso de Touro.

Por iso a asociación, sen prexuízo de elevar o caso ás instancias que proceda, anunciou esta semana “continuará a investigar de maneira exhaustiva o cómo puido chegarse a esta situación tan inadecuada dende calquera punto de vista”, examinando a fondo os acordos municipais e todos os detalles de cómo estes terreos puideron rematar utilizándose para a instalación de infraestruturas de uso público sen as correspondentes garantías.