O alcalde Evencio Ferrero asinou esta semana coa empresa Arias Infraestruturas SA o contrato para a execución do proxecto de mellora da rede viaria. Concello e Deputación colaboran no financiamento das obras, que foron adxudicadas por 109.894,21 euros e teñen un prazo de execución dun mes a partir da sinatura da acta de comprobación de replanteo.

O proxecto inclúe a reparación e posterior pavimentación de varias vías no polígono desenvolvido por iniciativa privada, concretamente das rúas Cobre (758,91 metros), Bronce (1.100 m.), Lousa (370,53 m.), Titanio (707,26 m.), Ferro (539,46 m.) e Estaño (146,67 m.), cunha lonxitude total de 3,62 quilómetros.

As obras consistirán no fresado e reparación das gretas, fisuras, e fochancas existentes e a posterior aplicación dunha nova capa de rodaxe de mestura bituminosa en quente de 6 centímetros de espesor, estendida e compactada, que axustará a rasante ás zonas contiguas en bo estado, mellorando notablemente as condicións da circulación. Así mesmo, construirase un novo tramo de beirarrúas de 26 metros de longo e 2 de ancho ao longo na rúa Titanio, mellorando tamén a seguridade peonil na zona. Os traballos rematarán co pintado das marcas viarias, pasos de cebra e límites de velocidade, e a reposición da sinalización horizontal e vertical.