Na última reunión da Xunta de Goberno Local acordouse solicitar a participación en tres convocatorias de subvencións da Deputación Provincial da Coruña dirixidas á creación de emprego a través da prestación de servizos públicos municipais.

Por medio desta liña de axudas o Concello da Laracha pretende financiar parte dos gastos que supón contar con persoal técnico deportivo para o desenvolvemento de actividades ao longo de todo o ano, un técnico para atender as oficinas municipais de información turística de Caión e do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar e tamén o persoal do servizo municipal de normalización lingüística.

Doutra banda, tamén se acordou acollerse á convocatoria de subvencións da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia dirixida a mellorar as coleccións bibliográficas das bibliotecas municipais dotándoas con novidades editoriais no idioma galego (DOG número 240 do 20 de decembro de 2017). Esta liña de axudas vai dirixida exclusivamente a aqueles municipios integrados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, á que están adheridas as da Laracha, Paiosaco e Caión.