A área de Deportes da Deputación da Coruña organiza, entre o 2 de febreiro e o 12 de marzo, diversas viaxes á estación invernal de Cabeza de Manzaneda (Ourense) para fomentar a práctica do esquí entre os nenos e nenas dos municipios coruñeses nados entre os anos 2003 e 2007.

Nesta edición participarán un total de 500 rapaces que, como é habitual, estarán repartidos en cinco quendas de tres días de duración cada unha.

Con esta nova edición da campaña, a institución provincial pretende que os rapaces da provincia teñan a oportunidade de iniciarse ou perfeccionar a práctica do esquí, ao mesmo tempo que participan en diversas actividades deportivas e culturais que se organizarán de xeito complementario.

As viaxes terán un custe de 85 euros e inclúen transporte, estadía de tres días en Cabeza de Manzaneda, clases de esquí, monitores, seguro, alugamento de material, remontes mecánicos e todo o gasto que ocasionen as actividades e cursos programados.

Os interesados/as en participar deberán presentar no seu concello a ficha de inscrición debidamente cuberta e asinada polos pais ou titor do solicitante. O prazo de inscrición remata o 16 de xaneiro.

A ficha de inscrición e toda a información correspondente á Campaña de Esquí 2018 pódese descargar da páxina web da Deputación da Coruña www.dacoruna.gal.