A corporación municipal reuniuse estes días en sesión extraordinaria e urxente presidida por José Ramón Martínez Barbeito.

Así, todas as formacións políticas (PP, PSdG e BNG) mostráronse a favor de adquirir de mutuo acordo cos propietarios a sección de dúas parcelas catastrais nas que se sitúa parte do Castro de Montesclaros e que, polo tanto, están afectadas polo plan de posta en valor do patrimonio cultural municipal. Ao tratarse de bens de carácter histórico-artístico, o Pleno é o órgano competente para aprobar un convenio destas características.

Logo do acordo, o Concello da Laracha investirá algo más de 20.000 euros na compra dos primeiros 13.500 metros cadrados de superficie do castro. Trátase soamente da operación inicial que, tal e como explicou José Ramón Martínez Barbeito, “se levará a cabo nestes días aproveitando que algúns dos propietarios, que viven no estranxeiro, estarán na Laracha con motivo da celebración das festas do Nadal”. O tenente alcalde adiantou que o goberno local ten avanzados acordos de similares características para comprar o resto dos terreos que albergan o Castro de Montesclaros.

UNANIMIDADE NO RELATIVO Á ROMARÍA DOS MILAGRES DE CAIÓN

Na xuntanza, tamén houbo unanimidade na solicitude de declaración da Romaría dos Milagres de caión como Festa de Interese Turístico Nacional, un recoñecemento que segundo fontes municipais, permite abrir novas vías para promocionala nos ámbitos estatal e internacional, o que pode supoñer un pulo para a captación de visitantes “que favorezan o desenvolvemento económico de Caión en particular e do concello da Laracha en xeral”.

Este acordo do pleno trasladarase á Axencia de Turismo de Galicia para, posteriormente, remitir a proposta á Subdirección General de Planificación y Sostenibilidad da Dirección General del Instituto de Turismo de España, organismo -dependente do Ministerio de Energía, Turismo y Agenda Digital- competente para declarar as Festas de Interese Turístico Nacional.