A Asociación Autonómica Petón do Lobo, a Asociación de Amigos e Amigas dos Bosques O Ouriol do Anllóns e a Asociación Ambiental Cova Crea demandan que o organismo provincial aclare detalladamente, en virtude da Lei 19/2003 de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno, en qué se están a invertir as cuantiosas partidas que cada ano recibe o Concello de Cabana de Bergantiños “á vista de que no Centro Arqueolóxico e na súa contorna se están a desenvolver de forma masificada actividades que en absoluto gardan relación con contexto prehistórico do monumento“.

Doutra banda, sinalan, “a entidade que máis semella beneficiarse das instalacións do centro xunto co propio Concello é a Fundación Eduardo Pondal, sen que ningunha outra parroquia ou asociación de Cabana, agás a de Borneiro (lugar onde se ubica o Dolmen), cheguen a beneficiarse dalgún modo da xestión realizada a nivel municipal“.

Por outra parte, sinalan que o actual xerente da Fundación, José Mª Varela, é asesor de cultura no Concello de Cabana, e a entidade que dirixe semella recibir xenerosos fondos procedentes do ente provincial en actividades como o Festiletras, Aniversario de Pondal, festival de música na praia de Balarés, etc. “sen que exista exercicio de transparencia en canto das mesmas, posto que se descoñece o destino concreto dos cartos e non se visibiliza nen se materializa de xeito pormenorizado a finalidade dos fondos, polo que se ignora en qué actuacións e programas concretos se invirten os mesmos”.

Para as entidades, “á vista de que as actividades da Fundación Eduardo Pondal semellan ás veces actos políticos da Xunta de Galicia máis que a realización concreta de actividades, resulta de interese público coñecer se dende a Deputación Provincial se están a subvencionar estes eventos de tinte político ou outro tipo de accións semellantes”.

Por iso, os colectivos solicitan información sobre o contido do convenio de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Cabana de Bergantiños en relación ao Dolmen de Dombate e o seu centro arqueolóxico, así como acceso aos xustificantes de gasto dos últimos anos e acceso á relación completa de subvencións, axudas e convenios asinados entre a Deputación da Coruña e a Fundación Eduardo Pondal de O Couto (Ponteceso), posto que este 2017 a Fundación resultou beneficiaria de dúas subvencións e 20.000 e 25.000 euros respectivamente e no 2016 de 67.000 euros, sen prexuizo doutras axudas que puidese percibir á marxe doutros posibles convenios de financiamento.

Os grupos tamén piden coñecer os gastos en publicidade xustificados pola fundación ante o ente provincial e dos que puidera resultar beneficiaria La Voz de Galicia, en tanto que un dos seus patronos, Xosé Ameixeiras, tería vencellamento co citado diario, “polo que puidera existir un posible conflito de intereses”.

Do mesmo xeito as asociacións solicitan que a xestión de visitantes ao Dolmen de Dombate esté centrada única e exclusivamente na posta en valor do monumento e a cultura megalítica e que se facilite o uso e acceso do Centro Arqueolóxico ás demais asociacións da comarca e en especial do municipio de Cabana de Bergantiños.

Finalmente, as entidades manifestan que darán traslado ao Consello de Contas de Galicia e a Comisión de Transparencia da Valedora do Pobo de toda aquela información que non se lle facilite pola vía ordinaria de acceso á información no marco da normativa vixente.