A organización ecoloxista propón á cidadanía unha serie de medidas que permitan botarlle “unha man ao planeta”.

Para Amigos da Terra o Nadal é unha época de excesos na que a xente lánzase ás rúas “a mercar desmesuradamente e dun xeito insostible tanto ambiental como socialmente”, consumindo e contaminando “máis do dobre que o resto do ano”.

Por iso recomendan unhas pequenas pautas e consellos a ter en conta á hora de comprar un agasallo:

    * Antes de comprar, pensa se a persoa o necesita.

     * Busca agasallos nos mercados de segunda man ou de troco, os rastros e as tendas de segunda man; así o teu agasallo será único e estarás reutilizando á vez.

     * Non compres árbores de Nadal. Unha casa nunca e o lugar axeitado para unha árbore. As podas brutais das súas raíces (para facilitar o seu transporte masivo) xunto as condicións nas que se manteñen nas festas (calefacción excesiva, cheos de adornos e luces que dificultan a súa respiración etc) fan que case sempre resulte inviable a súa supervivencia máis alá das festas.Trátase ademais de especies foráneas que xeran problemas ecolóxicos ao introducilas nos nosos ecosistemas. As chamadas plantas de Nadal son tamén especies exóticas (orixinarias de México) potencialmente invasoras. Para quen insista nesta tradición (Noruega, por certo) do abeto de Nadal, pódese recorrer ás árbores artificiais, que aínda sendo xeralmente de plástico teñen maior durabilidade. Ademais, na actualidade existen no mercado árbores feitas de materiais reciclados.

     * Regala cestas de produtos locais e de agricultura ecolóxica, ou por exemplo cervexa ou viño  fabricado localmente ou ecolóxico. Estes produtos, ademais de ser máis sans, son ambientalmente máis sostibles, xa que na súa produción non se utilizan pesticidas nin fertilizantes naturais.

     * Invita a alguén a unha experiencia en vez de dar unha cousa. Algúns exemplos serían; entradas de teatro, para un concerto, ou quizais unha fin de semana nun balneario ou nunha casa rural.

     * Para as persoas que o teñen todo, poderías facelos doantes dunha organización que lles guste; deste xeito o teu agasallo beneficia a moitas persoas.

     * Compra en tendas de comercio xusto. Nelas atoparás produtos de países do Sur, elaborados en condicións laborais dignas e dun modelo de produción sostible.

Amigos da Terra conclúe que é fundamental evitar as bolsas de plástico nas compras, pois cada persoa consume unha media de 238 bolsas ao ano que tardan máis de cen anos en degradarse supoñendo así un problema para o medio ambiente.